Iniciamos unha nova etapa na AFA do CEIP Lamas de Abade coa constitución da nova Xunta Directiva, formada por un grupo de nais e pais que asumimos con ilusión, responsabilidade e espírito de colaboración o reto de continuar fortalecendo a nosa comunidade educativa.

A nova directiva está composta por:
📌 Presidente: Alexandre Pereira Pérez
📌 Vicepresidenta: Patricia Fernández López
📌 Secretaria: Rebeca Sánchez Andrade
📌 Tesoureira: Eva Carreira Mata
📌 Vogalías: Lara Duro Castro, Gustavo Sende Gómez, Noemí Santiso Mazás e Lidia Sánchez Sanmartín

 

Sabemos que a xestión da AFA implica unha gran responsabilidade, pero afrontámola co firme compromiso de traballar con transparencia, proximidade e vontade de mellora continua. Cremos firmemente que a educación das nosas crianzas é unha tarefa compartida entre escola e familias, e que xuntas podemos construír un entorno máis participativo, igualitario e enriquecedor.

A AFA do CEIP Lamas de Abade é moito máis ca unha agrupación de nais e pais; somos unha comunidade activa dedicada a mellorar o benestar e a educación dos nosos fillos e fillas. Participamos na vida do centro, promovemos servizos fundamentais como o comedor, madrugadores ou as actividades extraescolares, organizamos formacións e propoñemos iniciativas para facer da escola un lugar mellor para todos e todas.

Queremos aproveitar esta mensaxe para facer un convite aberto a todas as familias: animámosvos a participar activamente na vida da AFA. Un xeito fundamental de facelo é a través das asembleas, espazos de encontro nos que se comparten informacións, se toman decisións conxuntas e se recollen propostas. En breve anunciaremos a próxima convocatoria, polo que pregámosvos estar atentos á nosa páxina web, á canle de WhatsApp e ao correo electrónico.

Co apoio de todas as familias, con comunicación e colaboración constante, queremos seguir facendo da AFA unha ferramenta útil, transparente e inclusiva, ao servizo da comunidade escolar.

Grazas pola vosa confianza. Seguimos avanzando, xuntas e xuntos.

A nova directiva da AFA do CEIP Lamas de Abade.

Abrir chat
AFA do CEIP Lamas de Abade
Hola
¿En qué podemos ayudarte?