![]()
Co obxectivo de seguir apoiando ás familias na conciliación da vida familiar e laboral, a AFA Colexio Lamas de Abade ofrecerá durante o curso 2026-2027 o servizo Coidamos por Ti, dirixido ao alumnado de 4º de Educación Infantil.
Sabemos que a incorporación á escola é unha etapa chea de cambios e aprendizaxes, e que o proceso de adquisición do control de esfínteres pode seguir evolucionando durante os primeiros meses de escolarización. Por iso, este servizo pretende ofrecer tranquilidade ás familias e garantir o benestar das crianzas durante a súa xornada escolar.
O servizo consiste na dispoñibilidade dunha persoa do equipo de monitorado de ARUME que atenderá as necesidades hixiénicas das crianzas en caso de accidentes ocasionais relacionados co control de esfínteres, encargándose do seu cambio de roupa e acompañamento, sempre con respecto, coidado e atención individualizada.
Reserva de prazas
AMPLIAMOS O PRAZO DE RESERVA DE PRAZAS
O prazo de reserva de prazas estará aberto desde o martes, 16 de xuño, ás 9:00 horas ata o martes, 29 de xuño, ás 23:59 horas.
Custo do servizo
O prezo será de 25 euros mensuais por participante.
O pagamento realizarase de forma trimestral.
Condicións de prestación
Para que o servizo poida poñerse en marcha será necesario contar cun mínimo de 10 crianzas inscritas.
O día 5 de xullo de 2026 comunicarase ás familias se se alcanza o número mínimo necesario e, polo tanto, se o servizo pode prestarse durante o curso.
Pagamento
Os recibos deberán aboarse dentro dos prazos indicados pola AFA.
Lembramos que non estar ao corrente dos pagamentos poderá supoñer, logo da correspondente comunicación á familia, a suspensión da prestación do servizo.
Un apoio para as familias
Coidamos por Ti nace como unha medida de apoio á conciliación e ao acompañamento das familias que inician a súa etapa no segundo ciclo de Educación Infantil, ofrecendo unha resposta organizada e respectuosa a unha necesidade frecuente nestas idades e contribuíndo ao benestar das crianzas durante a súa adaptación á vida escolar.
