Nos últimos anos, o número de familias que solicitan o servizo de comedor foi aumentando progresivamente. Esta realidade fixo necesario buscar fórmulas que permitisen incrementar a capacidade dispoñible e tentar que ningunha familia que necesite o servizo quede sen praza.

A día de hoxe, o servizo de comedor conta con máis de 270 usuarios e usuarias, unha cifra que reflicte a importancia que este recurso ten para as familias do CEIP Lamas de Abade e que supón un incremento respecto de cursos anteriores.

Dende o ano 2019, o comedor xestionado pola AFA préstase en dúas instalacións diferenciadas: o comedor do propio CEIP Lamas de Abade e o comedor de Hostalería do CIFP Compostela. A utilización de ambos os espazos permitiu ir dando resposta ao crecemento da demanda, pero o incremento continuado das solicitudes fixo necesario seguir avanzando e crear novas prazas.

O comedor de Hostalería dispón dun máximo de 160 prazas, destinadas con carácter xeral ao alumnado de Educación Primaria. Pola súa banda, o comedor do CEIP atende principalmente o alumnado de Educación Infantil, evitando así que as crianzas máis pequenas teñan que saír das instalacións do centro, así como o alumnado de Infantil e Primaria con alerxias e/ou intolerancias alimentarias.

Cando as solicitudes de Primaria superan as 160 prazas dispoñibles en Hostalería, parte deste alumnado pode ser atendido tamén no comedor do CEIP. Aumentar a capacidade deste espazo resultaba, polo tanto, fundamental para poder seguir dando resposta á demanda.

Unha ampliación para pasar de 52 a 70 prazas por quenda

Ante esta situación, desde a xunta directiva traballouse para facer posible a ampliación do comedor do CEIP, aproveitando unha zona anexa existente e incorporándoa ao espazo destinado ao servizo.

O 7 de xullo de 2026, a AFA solicitou formalmente a ampliación das prazas do comedor escolar. A Dirección do centro presentou tamén a correspondente solicitude o 13 de xullo e a proposta contou coa aprobación do Consello Escolar.

A solicitude inicial contemplaba pasar das 52 prazas máximas existentes a 75 prazas por quenda. Tras a valoración dos espazos e da superficie dispoñible, a Consellería autorizou provisionalmente para o curso 2026/2027 un aforo máximo de 70 usuarios por quenda.

Isto permite que o comedor do CEIP poida atender ata 140 usuarios distribuídos en dúas quendas, que se suman ás 160 prazas do comedor de Hostalería. O servizo dispón así dunha capacidade máxima de ata 300 prazas entre ambos os espazos, permitindo afrontar en mellores condicións unha demanda que continúa medrando.

A autorización ten carácter provisional mentres se completan as comprobacións previstas para a autorización definitiva.

Ampliar, pero tamén acondicionar e protexer o espazo

A actuación realizada non se limitou a aumentar o número de prazas. Aproveitando a ampliación, desde a AFA tamén se levaron a cabo diferentes traballos de acondicionamento e mellora do comedor, co obxectivo de deixar o espazo preparado para o uso diario das crianzas e facilitar a súa conservación.

Entre as actuacións realizadas destaca a instalación dun revestimiento nas paredes da sala ata unha altura de 110 cm. Este revestimento crea unha superficie resistente e de fácil limpeza e permite protexer as paredes fronte aos golpes e rozaduras que se producen de maneira habitual polo movemento das cadeiras e do mobiliario.

Ademais, realizáronse traballos de repasado e repintado das paredes, tanto para acondicionar a zona incorporada coa ampliación como para renovar o resto do espazo e deixalo nas mellores condicións posibles para o inicio do curso.

Esta ampliación responde ao traballo desenvolvido pola AFA para adaptar os servizos ás necesidades das familias, aumentar ao máximo as prazas dispoñibles e tentar que ningunha crianza que necesite o comedor quede fóra por falta de capacidade.

 

 

 

Abrir chat
AFA do CEIP Lamas de Abade
Hola
¿En qué podemos ayudarte?